fbpx

Síguenos en...

PRESENTACIÓN EN ROLDA DE PRENSA DO FICRURAL 2019 NO PAZO DE RAXOI

 Hoxe (4 de setembro), presentouse en rolda de prensa do Pazo de Raxoi (Concello de Santiago de Compostela) o FICRURAL 2019.

A cita é do 22 ao 28 de setembro na Fundación Laboral da Construción e noutros espazos da cidade e do rural compostelán, onde se desenvolverán outras actividades ao longo do mes de setembro. FICRURAL está organizado polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou o FICRURAL e destacou a idoneidade como sede deste evento de Compostela, por ser "unha cidade moi rural, que conta cuns 180 quilómetros cadrados de rural, 21 parroquias e 16.000 habitantes neste ámbito. Ademais, expresou a necesidade de "por en valor o rural" e de considerar este como "espazo de futuro e desenvolvemento de Galicia".

Tamén a esta aposta por "recuperar o potencial que ten o noso rural" se referiu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen valorou o FICRURAL como unha oportunidade para mostrar "a capacidade e talento que temos no rural galego". "É necesario dar a coñecer esa realidade, coñecernos e autoconvencernos da capacidade do rural para desenvolver economicamente e socialmente o país", dixo.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, falou do FICRURAL como unha ocasión para "chamar a atención sobre as necesidades, problemas e posibilidades de futuro do rural en Compostela e Galicia". Salientou o seu carácter "multidisciplinar", con cine, xogos e lecer saudable en contornas rurais, e con actividades na rede de centros socioculturais do rural compostelán e nos parques e xardíns da cidade.

Finalmente o organizador do Foro, Aser Álvarez, cualificou o FICRURAL, como un "evento moi necesario", porque "están acontecendo cousas moi interesantes no rural de Galicia". Do mesmo, xeito, reiterou a importancia do evento como "foro de intercambio e cooperación" e para constatar que o rural é "un lugar para vivir e producir". Álvarez foi o encargado de detallar a programación e tamén de anunciar unha das sorpresas do Foro, a presencia no programa lúdico dos Inmaculate Fools.

Promoción da economía rural 
O Foro Internacional da Economía e da Cultural Rural ten como obxectivo a recuperación, divulgación e dinamización económica do patrimonio material e inmaterial do rural de Compostela, da comarca e da provincia da Coruña, convertendo Santiago nun referente nacional e internacional na promoción da actividade económica rural e da súa simbiose cos espazos urbanos. Este conxunto de actividades busca:

• Mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, dinamizar os recursos endóxenos do espazo rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos.

• Incorporar sempre á cultura rural a perspectiva do emprendemento e do empoderamento do rural con proxectos produtivos, innovadores e colaborativos.

• Apostar pola celebración en Compostela de eventos relacionados coa economía e a cultura rural e a súa valorización como recurso económico. Exemplo destes eventos son o Festival de Cine Internacional Carlos Velo ou os Encontros Ibéricos de Cinema Rural, consolidando a aposta da cidade como mercado e espazo de promoción de contidos audiovisuais relacionados coa cultura e historia do rural.

O Foro Internacional da Economía e Cultura Rural ten tres eixos centrais de actividades:

FICRURAL VISIÓN: Pretende mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Así, desenvolverase a quinta edición do Festival de Cine Carlos Velo, ao que se presentaron xa máis de 200 traballos, e realizaranse actividades como obradoiros de cine, encontros ou xincanas fotográficas aproveitando recursos cotiás como os móbiles e as redes sociais.

FICRURAL FEIRA: Un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión con actores públicos e privados, nacionais e internacionais, xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e da provincia da Coruña.

FICRURAL XOGO: Un espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo tradicional, á vez que se desenvolven habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa, a través de xogos de precisión, de lanzamento, de habilidade, de enxeño e de cooperación.

Programa 
FICRURAL arrincará o domingo 22 co pregón no CSC da Gracia, continuando as actividades de luns a mércores en diferentes espazos de Compostela. Será a partir do xoves 26 e ata o sábado 28 cando se celebre o I Foro Internacional da Economía e Cultura Rural na Fundación Laboral da Construción. Durante este tres días terán lugar as actividades principais do FIC, con proxeccións, feira, coloquios e debates, a V edición do Festival de Cinema Rural Carlos Velo e o espazo para o lecer, con concertos e sesión vermú.

Como adianto, nas fins de semana do 14 e 15 e 21 e 22 de setembro, desenvolverase o programa Coñece o rural, unha serie de andainas a pé e paseos en bicicleta para coñecer as parroquias do rural de Compostela. A participación é de balde e para todos os públicos, como en todas as actividades deste FICRURAL.

Compostela Móvese 
O Foro enmárcase no programa municipal Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, o apoio á cultura emprendedora e a creación de novas empresas. Dende a súa creación en 2004, a Oficina de Promoción Económica apoia a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas.

Compartir »

Sigue en directo todas as novidades do FIC2019 nas nosas redes ou no apartado AO VIVO desta páxina.